O concello retira o posto de Laureano Oubiña por ‘interese público’

CAMBADOS> Terceiro día de Albariño en Cambados e a festa está a transcorrer practicamente sen incidencias. Un momento polémico que deixou a celebración produciuse onte, cando o concello ordeaba á Policía Local levantar o posto instalado polo exnarcotraficante Laureano Oubiña para vender o seu libro. As increpacións que recibiron algunhas das voluntarias do Punto Morado contra as agresións machistas.

Nunha Festa do Albariño que está a transcorrer coa máxima tranquilidade, onte na vila viviuse un episodio polémico. O concello de Cambados mandaba retirar o posto que instalara xunto á Casa do Mar o exnarcotraficante Laureano Oubiña, como punto de venda do seu libro.

Finalmente, o stand permaneceu poucas horas aberto. O concello decidiu revocar a concesión por motivos de interese público.  Hoxe, a alcaldesa explicaba que o goberno devolverá a Oubiña as taxas aboadas por ocupación de espazo.

O outro episodio de tensión rexistrouse na noite do mércores. Voluntarias do Punto Morado que se instala no Paseo da Calzada foron increpadas por un grupo mentres desenvolvían o seu labor informativo.

Porén, Fátima Abal aseguraba que tras este episodio a situación volveu á normalidade e que a Festa está a transcorrer libre de violencias machistas. As corenta voluntarias repartiron nas dúas xornadas máis de 4000 folletos informativos.