Meis consegue levar ao Parlamento Galego a ‘precaria situación’ da sanidade no municipio

MEIS> A situación da sanidade no Concello de Meis debaterase no Parlamento de Galicia. O PSdeG levará o asunto á Cámara, a instancias do goberno local. O executivo meisino quere así evidencia-lo seu malestar ante a “desidia”, di, da Xunta, co peche do consultorio de Paradela, a falta de substitucións ou a supresión do servizo de pediatría durante os meses de verán.

Será o vindeiro xoves, día 22, cando o Parlamento de Galicia debata sobre a situación da sanidade no Concello de Meis. O asunto abordarase, a instancias do goberno municipal, a través dunha iniciativa do grupo socialista.

A situación, di a alcaldesa, agravouse co peche do consultorio de Paradela, coa excusa da covid. O seu médico, logo de mandalo para Cambados, foi recolocado no consultorio da Rochela onde xa había outro doutor. E todo isto, coa campaña da gripe xa en marcha.

O goberno meisino en pleno acudirá ó Parlamento Galego para segui-la sesión, na compaña de representantes de ANPAS e outros colectivos. Os veciños tamen poderán seguila a través das canles telemáticas do concello. Ademais, a rexedora anima a tódolos concellos do Salnés a unir forzas de cara á gran mobilización proposta por Cambados na defensa da sanidade.

Unha manifestación, matiza Giráldez, que deberá agardar a que a situación da COVID na comarca mellore.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí