SANXENXO> Un menú do día da nai co poldro como protagonista. Esa é a proposta que lanzaron hoxe no Obradoiro de Hostalería do Salnés. Foi nunha xornada na que un grupo de comensais puido degustar esta carne preparada en hamburguesa ou richada. Ademais, expertos da Asociación de Criadores de Cabalo de Pura Raza Galega ofreceron unha charla na que reivindicaron a calidade e versatilidade do produto.
Ten tanta versatilidade como a tenreira e sabe igual de ben. Falamos da carne de poldro, que hoxe foi a protagonista nos fogóns do Obradoiro de Hostalería do Salnés. Aproveitando o día da Nai, decidiron preparar un menú especial a base desta carne.
Na cociña, hoxe contaron coa axuda de Rocío Garrido, cociñeira sanxenxina experta en razas autóctonas. Ademais, dilvulga o seu traballo a través do seu blog ‘Cocina de mi abuelo’ e das súas redes sociais. Hoxe, por suposto, o poldro protagonizou as súas publicacións.
O menú desta xornada foi degustado por un grupo de persoas que, antes, asistiu a unha charla sobre os poldros de raza autóctona galega. Un sector con moita potencialidade en Galicia.
Ademais tamén reivindican o valor natural que aportan ao monte, como ferramenta útil de conservación e loita contra os lumes.