A hostalería de Ribeira pechará o día de Santa Uxía en protesta pola designación dos festivos locais

RIBEIRA> A hostalería de Ribeira pechará o día de Santa Uxía como medida de protesta por perder o martes de entroido como festivo local. O carnaval supón unha forte inxección económica para o sector nunha época de baixa actividade e menor consumo.

Medio cento de locais secundarán a protesta da asociación de hostaleiros de Ribeira por perder o martes de entroido como festivo local. Pecharán as súas portas o próximo 12 de setembro, día de Santa Uxía, para deixar clara a súa postura con respecto á declaración dos festivos para o próximo ano, aprobada en pleno a pasada semana no que foron elixidos o día da patroa e da Dorna.

Dende o sector hostaleiro defenderon sempre a necesidade do martes de entroido como festivo local xa que supón un importante revulsivo económico nunha época de baixa actividade.

Entenden pola contra que a patroa podería celebrarse a fin de semana despois do 12 de setembro, supoñendo un beneficio económico para toda Ribeira.

Coa protesta do próximo día 12 pretenden sentar un precedente apelando á unión so sector e pedindo o apoio de todo o pobo en defensa do traballo dos hostaleiros.