A Festa do Albariño coroa ó viño Pazo de Rubianes como o mellor de 2017

CAMBADOS> A entrega de premios da Cata Concurso Rías Baixas o domingo serviu tamén para poñer o broche de ouro a esta edición número 66 da Festa do Albariño de Cambados. Tralo tradicional xantar, o panel de cata puxo nome aos mellores viños do ano. A medalla de Ouro quedou na subzona de O Salnés, e recaeu en Pazo de Rubianes. Pola súa banda, prata e bronce marcharon para o Condado e O Rosal, e foron recollidas por La Trucha, de Notas Frutales, e Abadía de San Campio, de Terras Gauda.

Os tres gañadores foron os caldos que máis destacaron entre as 58 marcas que concorreron a esta edición do concurso. Así as cousas, dende o sector insistiron na alta calidade de todas as elaboracións, algo que fai que a decisión sexa máis complicada ano tras ano.

Finalizado o xantar, chegaron as primeiras valoracións da Festa do Albariño. Despois de cinco días de celebración, a cita volve consolidarse como todo un éxito para o sector vitivinícola.

Dende o concello de Cambados tamén están satisfeitos con esta edición da festa, que rematou sen deixar incidencias de importancia na vila. E é que a pesares dos milleiros de persoas que se dan cita no Paseo da Calzada durante os cinco días de celebración, non houbo que destacar problemas importantes.

O gran ausente do xantar foi o presidente da Xunta. A Conselleira do Medio Rural foi a encargada de desculpar a súa ausencia. Ademais, Ángeles Vázquez destacou a importancia económica da viticultura.

O Xantar de confraternidade tamén foi todo un éxito. O concello rematou de vender as entradas o pasado venres, e preto de 600 persoas gozaron da cita baixo a carpa instalada nos xardíns do Pazo Torrado.