Só 8 positivos no cribado masivo da Illa de Arousa

A ILLA> O cribado masivo da Illa de Arousa confirma tan só 8 novos positivos. Practicáronse máis de 3.300 probas, é dicir, asistiu á chamada do SERGAS o 90% dos veciños convocados. A participación foi a máis alta de tódolos cribados feitos ata o momento en Galicia.

Unha elevada participación, pero cun índice de positivos moi baixo. O resultado do cribado masivo realizado na Illa de Arousa na procura de asintomáticos confirma tan só oito novos casos de coronavirus.

E iso que os veciños insulares acudiron masivamente á chamada do SERGAS. Das 3.600 persoas convocadas, participaron no cribado 3.300, é dicir, o 90% da poboación convocada.

O dato da participación, demostra unha gran responsabilidade por parte dos veciños, que permite ó SERGAS ter unha radiografía real da situación do municipio.

Do total de positivos confirmados, 7 detectáronse entre a poboación de 15 a 69 anos e tan só un entre os maiores de 70. Neste grupo  aínda quedan por coñecer dous resultados de mostras, que poderían facer varia-lo número de positivos.

Aínda así, o dato sorprende polo reducido dos casos novos, tendo en conta que A Illa rexistra unha das taxas de incidencia acumulada de covid máis alta de toda Galicia.

As probas, celebradas no aparcadoiro do Bao entre o venres e o sábado, desenvolvéronse con total normalidade, malia a gran cantidade de xente que estaba chamada a participar.

No cribado estaban chamados a participar veciños de máis de 15 anos. As persoas de entre esa idade e os 69 anos realizaron a proba entregando mostras de saliva e os marios de 70 foron sometidos a PCR.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí