CAMBADOS> O Centro de Información á Muller da Mancomunidade do Salnés auditará a seguridade urbana das rúas dos concellos que atende con perspectiva de xénero. A entidade lanzará a vindeira semana unha campaña para recoller a opinión dos veciños sobre os diferentes espazos públicos das súas vilas. A iniciativa porase en marcha coincidindo coa Festa do Albariño de Cambados para estenderse aos demais municipios.
Primeira auditoría de seguridade urbana con perspectiva de xénero. É o proxecto que porá en marcha a área de Igualdade do CIM do Salnés. Unha acción que busca analizar como viven as mulleres nas vilas da comarca.
Esta iniciativa vai na liña dos principios de ONU Hábitat e no marco da lexislación galega e estatal. Un enfoque, o dar perspectiva de xénero na planificación do urbanismo e a seguridade, que recoñece que mulleres e homes movémonos e experimentamos de xeito diferente o espazo público.
A auditoría comezará a vindeira semana, coincidindo co arranque da Festa do Albariño de Cambados. A través dun código QR presente en carteis e pousavasos pedirase á veciñanza que responda a 22 preguntas de xeito anónimo. Despois, a iniciativa estenderase aos outros concellos do CIM: Meaño, Meis, Ribadumia e Vilanova. De cara ao outono, xa cos resultados destas enquisas na man, realizaranse marchas exploratorias nas vilas.
Dende o CIM apuntan que con esta iniciativa, O Salnés colócase á vangarda das políticas de planificación urbana.
Así mesmo, dende o CIM da Mancomunidade, anunciouse unha xornada que se celebrará o día 7 de agosto sobre Muller e Deporte.











