O concello celebra o éxito dun Albariño con menos público

CAMBADOS> A resaca da Festa do Albariño aínda está presente, pero dende o concello xa fixeron o seu balance do que deu de si esta 66 edición. O grupo de goberno está satisfeito co resultado sen que se rexistraran incidentes importantes.

Unha das cifras que dá máis pistas sobre a cantidade de xente que pasou polo Paseo da Calzada, é a de cataviños vendidos. Este ano, os stands das adegas repartiron os 35.000 dispoñibles. A pesares do éxito, o concello recoñece que este ano a afluenza foi menor que en edicións anteriores. Algo que achacan en gran medida, ás altas temperaturas.

Este descenso deixouse notar principalmente nas actividades que se desenvolveron durante o día como parte do programa da Festa do Albariño. Así as cousas, para o executivo o modelo cultural polo que apostan dende que están no poder funcionou á perfección.

O cuatripartito quedou satisfeito co funcionamento do sistema de control de aforo na Praza de Fefiñáns. Algo que, aseguraron, manterán en futuras edicións. Tamén o operativo de seguridade, que permitiu que a festa transcorrera con tranquilidade.

O operativo de limpeza, pola súa banda, recolleu 109 toneladas de lixo fronte ás 120 do ano pasado. Delas, 7 foron de vidro. Precisamente, esta medida permitiu reducir, segundo explican dende o concello, as incidencias por cortes.

O concello contratou dúas ambulancias medicalizadas para os días grandes de festa, cun persoal que permitiu cubrir a falta de reforzo por parte do Sergas, que non atendeu a petición do goberno local dun médico para a noite do sábado. Tampouco gustou a algúns membros do executivo as palabras do presidente do Consello Regulador durante o acto do Capítulo Serenísimo. Na súa intervención, Juan Gil advertía da preocupante deriva da festa nocturna.

Entre estas medidas para reducir o botellón, concello e Consello pactaron este ano o peche das casetas ás 3 da madrugada, algo que cumpriron maioría dos stands.

Por outra banda, o goberno local ten a esperanza de que o vindeiro ano a Festa do Albariño sexa xa de Interese Turístico Internacional. Máis agora que xa contan co visto bo da Xunta.

O orzamento destinado a esta Festa do Albariño 2018 foi lixeiramente inferior ao do pasado. En canto ao balance económico, as arcas municipais destinaron á Festa 300.000 euros, e conseguiron ingresar 168.000 grazas ás entradas do Xantar, os postos da feira, as barras e terrazas dos locais e as axudas de administracións e patrocinadores.