O concello adapta o regulamento do mercado ás necesidades da reforma do primeiro andar

Pontevedra>O goberno local ven de aprobar a modificación do regulamento de mercados no que atinxe ó servizo de limpeza. O gasto por este concepto, que ata agora asumía o Concello, poderá ser derivado ós concesionarios dos postos. Con este cambio nun dos artigos da norma preténdese adaptar a normativa á nova configuración da Praza de Abastos, que converterá o primeiro andar nun espazo gastronómico.

O proxecto de remodelación do Mercado de Abastos segue dando pasos, despois do desbloqueo dos fondos FEDER concedidos á Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integral cos que se financiarán as obras. Nesta ocasión, o concello ven de modificar a normativa que o regula para poder afrontar o aumento de custo de limpeza que suporá a transformación do primeiro andar nun espazo dedicado á gastronomía. Este gasto extra, que se estima entre 250 e 300 euros mensuais, poderá ser trasladado ós concesionarios en caso de superar o orzamento previsto para a instalación. Esta decisión foi trasladada ós concesionarios actuais nunha reunión mantida coa concelleira de Promoción Económica.

O corredor central do primeiro andar quedará liberado para a celebración de actividades alternativas coma showcookings ou concertos. O resto do tempo será ocupado por mobiliario que facilite desfrutar dos postos.

Dende o concello agardan que o Mercado de Abastos estea funcionando coa nova configuración e a pleno rendemento antes de finalizar o ano. As obras comezarán en setembro e terán un prazo de execución de dous meses. Serán 24 os novos postos cos que contará. 15 deles terán extracción de fume, o que permitirá a elaboración de produto, favorecendo así as sinerxias coa planta de abaixo.

Os pregos para a concesión dos postos, que están en fase de borrador, contemplan a posibilidade da “autorización” por un ano con opción de prorrogala tres anos  máis. Desta maneira os solicitantes poderán facer un testeo dos postos antes de aceptar a concesión.

En canto ós horarios, estase estudando a posibilidade de abrir postos de venda polas tardes, aínda que nalgúns casos, coma o do peixe, sería inviable.