Os pontevedreses comezan as festas cantando

Pontevedra> Unha das actividades coas que comezarán as festas será o “Aquí cántase”. Esta actividade, na que se invita a pontevedreses e visitantes a interpretar temas tradicionais, celebrarase o venres 10 de agosto a partir das 9 da noite en catro prazas da cidade.

Os pontevedreses darán a benvida ás Festas da Peregrina cantando. A iniciativa “Supercantos”, baixo o lema de “aquí cántase”, encherá de cantos de taberna as prazas da Boa Vila.

A cantada colectiva arrincará ás 9 da noite na Praza da Ferrería. Trasladarase despois a Curros Enríquez, ás dez menos cuarto, e ó Teatro Principal ás dez e media, para rematar na Praza da Leña ás once e cuarto. Os traslados entre as prazas serán acompañados polo grupo de percusión “A treboada do Baixo Miño”. Cantaranse en total 20 temas tradicionais, que máis de duascentas persoas levan ensaiando dende o mes de abril nos tres locais habilitados no Gorgullón, Campañó e Salcedo.

Aínda que a Asociación Maravallada leva dirixindo estes ensaios dende hai catro meses, aseguran que as pezas son recoñecidas por todos.

Aseguran que non é preciso saber cantar, e nin sequera haberá que lembrar a letra, xa que se repartirán un milleiro de exemplares coas cancións do repertorio.

Os folletos coas letras incluirán ademais un número para participar no sorteo dunha cea nun restaurante da  cidade.

Con esta iniciativa preténdese que os pontevedreses e visitantes se convertan en participantes activos das festas. Agárdase que participen, coma na edición anterior, máis de mil persoas.