PONTEVEDRA> Os Premios Pontevedreses do Ano volveron este 2022 para recoñecer o papel dos veciños máis ilustres da cidade. Entre os premiados, o Diario de Pontevedra decidiu recoñecer o papel do Grupo deportivo Froiz no eido deportivo, momento que se converteu nunha sentida homenaxe ao recentemente falecido Magín Froiz.
Os Premios Pontevedreses do Ano volveron para vestir de gala a cidade. Como xa é tradición, o Diario de Pontevedra recoñeceu a traxectoria de seis personalidades e institucións relacionadas coa cidade.
No eido deportivo, o galardón recaeu no Grupo Deportivo Froiz. Momento que se converteu nun emotivo recordo ao recentemente falecido Magín Froiz.
Rosario Álvarez, premio de honra; Informática Landín, como empresa; o escritor Manel Loureiro na categoría de cultura; a investigadora Marisol Soengas no eido da investigación e a Asociación Sociosanitaria Educativa Inflamatoria Intestinal polo seu labor social, completan a listaxe de premiados.
Á cita asistiron, entre outras autoridades, o alcalde de Pontevedra, a presidenta da Deputación Provincial e o presidente da Xunta de Galicia.
Este ano a gala recuperou o seu formato previo á pandemia e puido celebrarse sen as restricións que se aplicaron na edición do 2021.