CAMBADOS> As formacións do Salnés vinculadas a En Marea piden a dimisión do Conselleiro de Sanidade e do xerente do SERGAS, pola que cualifican de dramática situación dos servizos sanitarios durante o verán.
Ademais, os grupos municipais afíns a En Marea levarán ós seus respectivos plenos unha moción conxunta en Defensa da Sanidade Pública de Calidade.
O falcemento dun home no PAC da Estrada, a comezos deste mes, por falta de persoal é para Somos Cambados, Somos Ribadumia, Somos Maioría Vilagarcía, Gañemos Vilanova e Somos Sanxenxo a pinga que rebordou o vaso. As formacións, vinculadas a En Marea, cren que chegou o momento de reclamar responsabilidades. Piden dimisións para que un capítulo tan tráxico como o da Estrada non se repita en ningún centro de saúde.
Os grupos municipais desas formacións levarán ós seus respectivos plenos unha moción en defensa da Sanidade Pública. Ademais, pídenlle ós usuarios dos ambulatorios que denuncien situacións nas que os recortes ou a falta de persoal supuxeron un empeoramento da calidade dos servizos.
As formacións denuncian que durante este verán a falta de médicos na atención primaria, nos Puntos de Atención Continuada ou en pediatría son a norma e non a excepción. Lembran que este desmantelamento da sanidade que agora denuncian vense cociñando dende hai tempo.
A moción conxunta foi presentada esta mañá en Cambados, nun acto no que participaron concelleiros e voceiros daqueles concellos do Salnés nas que as marcas vinculadas a En Marea teñen representación.