Os colapsos de tráfico sucédense no Salnés ante o aluvión de visitantes

A ILLA> Xornada festiva en moitos Concellos da nosa contorna que, de seguro, volveu atraer a centos e centos de persoas ós nosos areais. Así ocorreu onte, nun día no que os accesos ás principais praias volveron quedar colapsados. Aconteceu en Sanxenxo, no Grove e tamén na Illa de Arousa. A última hora da tarde, no municipio insular rexistráronse ringleiras quilométricas.

Retencións de ata 40 minutos para dar saído da Illa de Arousa. Así se viviu a xornada de onte no municipio insular, nun día festivo no que o número de bañistas se puido contar por centos.

Dende o Concello recoñecen o problema e achácano ó incremento de visitantes que, nos últimos tempos, escolle A Illa para gozar dun día de praia. O alcalde recoñece que as medidas postas en marcha, en colaboración co goberno de Vilanova, non están a dar tan bos resultados como cabería desexar. Di que é algo a mellorar de cara ó ano que vén.

Outro do factor que contribúe ós colapsos na Illa é o semáforo da Pantrigueira, que volveu ralentizar, e moito, a entrada e saída do concello insular durante a xornada festiva de onte. Para o alcalde da Illa, a presenza dese semáforo non é o factor determinante para que se produzan as retencións.

A pesar de todas as molestias e do gran aluvión de xente que visita A Illa, o alcalde asegura que os veciños insulares están encantados coa gran cantidade de veraneantes que se achegan ata o municipio.