Nova operación antidroga no Salnés cun detido en Vilanova

O SALNÉS> Nova operación antidroga na comarca do Salnés. Desenvolveuse esta madrugada entre os concellos da Illa e Vilanova, onde foi detida unha persoa. Este novo dispositivo daría continuidade á unha investigación previa relacionada coas narcolanchas. Polo de agora non se coñecen máis datos, porque o xulgado que leva o operativo decretou o segredo das actuacións.

A Garda Civil levou a cabo na madrugada deste mércores unha nova operación antidroga na comarca do Salnés. O dispositivo desenvolveuse entre os concellos da Illa de Arousa e Vilanova. En ambos municipios houbo rexistros. En concreto, nesta zona do Naval do municipio insular e tamén nun edificio próximo á vilanovesa capela de San Mauro.

Polo momento non se coñecen moitos datos: o xulgado que dirixe este operativo decretou o segredo das actuacións. Con todo, esta mañá dende Vilagarcía, o delegado do goberno en Galicia avanzaba que a investigación segue en marcha.

O delegado tamén confirmou que esta nova operación daría continuidade a unha investigación previa relacionada cos fabricantes das narcolanchas.

Nestes momentos hai alomenos unha persoa detida en Vilanova. Non descartan máis, porque está operación -dirixida polo Equipo de Delincuencia Organizada e Antidrogas da Garda Civil- continúa en marcha.