O patrón maior de Carril acusa ao alcalde de Vilagarcía de tentar boicotear a Festa da Ameixa

VILAGARCÍA> A organización da Festa da Ameixa de Carril acusa ó alcalde de Vilagarcía de tentar boicotea-la celebración desta fin de semana. Dende a Confraría cualifican de ‘pataleta e capricho’ a decisión do alcalde de non acudir ó acto da Orde da Ameixa por non deixarlle presidilo. Ademais, acusan ó Concello de non apoia-la festa e de emprender unha campaña de ‘acoso e derribo’ contra o patrón maior carrilexo.

Agardábase que a edición deste ano da Festa da Ameixa viñera acompañada de polémica e así foi. Trala ausencia do alcalde de Vilagarcía nos actos máis protocolarios do evento, a organización da festa acúsao de intento de boicot. Dende a Confraría carrilexa botan man dos Estatutos da Orde da Ameixa para defenderse: indican que nada cambiou con respecto a anos anteriores e que a decisión de nomear á subdirectora xeral de Acuicultura da Xunta e non a Alberto Varela cultivador maior foi unha decisión da Xunta Directiva.

Villanueva entende que o alcalde non se pode acostumar a algo que non lle pertence e carga contra a súa actitude. Con todo, asegura que o rexedor esta convidado a formar parte da festa e indica que se asistise mesmo tería opción para falar ante o público. Así que conclúe que o que lle ocorre ó rexedor é que non quere apostar pola Festa da Ameixa. Di que así o demostrou con tódalas trabas ás que se tiveron que enfrontar e que, segundo apunta, tiña que resolver o concello, como facilitar un palco, xeradores eléctricos, cadeiras ou mesmo o atril para os discursos.

Villanueva reitera que se sente arroupado polos veciños de Carril e que mesmo recibiu numerosas peticións para non convidar á festa ó alcalde vilagarcián, algo que fixeron finalmente –segundo argumenta- respectando as normas protocolarias.