RIANXO> Serán oito días de troula que arrancarán mañá venres co tradicional ‘Chupitaso’ e a Festa dos 80, na que actuará o grupo McKuin, que renderá tributo á mítica banda Queen. Mañá venres arrancan as festas da Guadalupe coa concentración na praza Castelao das Juadalupeñas e o chupitaso que dá o pistoletazo de saída ós festexos. A procesión marítima do domingo, o feirón mariñeiro do xoves e a cantata da Rianxeira o último día, na praza Castelao, volverán a ser os principais atractivos, pero este ano tamén haberá outras novidades. Serán oito días de troula e diversión con múltiples actividades para todo tipo de públicos, dende pequenos a maiores. O pregón correrá a cargo este ano do Grupo de Teatro Airiños de Asados. Trátase dunha das compañías non profesionais máis senlleiras de Galicia e que este ano cumpre o seu 85 aniversario. Será o sábado ás dúas da tarde na praza do Concello.