O Conselleiro do Mar coñece os últimos avances tecnolóxicos aplicados no Clúster de Acuicultura

RIBEIRA> O Conselleiro do Mar participou esta mañá na asemblea do Clúster de Acuicultura de Galicia. Alfonso Villares tivo ocasión de coñecer os últimos proxectos de investigación que se están a desenvolver no Centro Tecnolóxico situado no lugar de Couso, en Ribeira.

O Centro Tecnolóxico do Clúster da Acuicultura situado en Punta Couso, no concello de Ribeira, leva anos traballando para desenvolver proxectos que melloren a competitividade do sector. A principal aposta de futuro pasa pola aplicación das máis avanzadas tecnoloxías no cultivo de tres especies principais: rodaballo, linguado e troita.

O Conselleiro do Mar tivo ocasión de coñecer máis en detalle esas inversións previstas polo sector en Galicia e comprometeu a apoiar dende o seu departamento a un sector que crea preto de seis mil postos de traballo e factura unha media de máis de 200 millóns de euros ó ano.

O Clúster de Acuicultura, fundado hai máis de 20 anos, engloba na actualidade a empresas acuícolas non só de Galicia senóin tamén de toda España e Portugal. Os seus asociados representan o 85 por cento da produción europea de peixes planos.