Mantense o debate sobre a prisión permanente revisable no 2º aniversario da morte de Diana Quer

POBRA> Hai dous anos, A Pobra espertaba coa nova da desaparición de Diana Quer. O rostro da moza madrileña que aparecía nos carteis que empapelaban a vila fíxose pronto moi coñecido dada a gran atención mediática que espertou o caso. Case cincocentos días despois, tras meses de rigorosa investigación pero tamén de todo tipo de teorías e hipóteses por parte da prensa e da opinión pública, o cadáver de Diana aparecía nunha nave abandonada na parroquia rianxeira de Asados. Foi Enrique Abuín, O Chicle, quen levou ós investigadores ata o corpo tras confesar a autoría do crime. Dende entón permanece en prisión preventiva á espera de xuízo mentres continúan as dilixencias. Tras tomar declaración ó imputado e ó seu entorno, procedeuse a realizar unha reconstrución dos feitos na que o detido participou activamente. A zona das Xunqueiras, o paseo do Areal e a nave de Asados foron os escenarios principais nos que o Chicle reproduciu os movementos que, segundo el, realizou a noite en que morreu Diana. Ata que non conclúan as investigacións non se coñecerá a data do xuízo. O que si se sabe é que será xulgado por un xurado popular. A este respecto, o pai de Diana volveu reclamar que non se derrogue a prisión permanente revisable. A través dunha carta, publicada neste segundo aniversario da morte de Diana, Juan Carlos Quer defende o legado da súa filla para conseguir unha sociedade máis xusta e segura. No mes de xaneiro un grupo de familiares de vítimas, encabezados polo pai de Diana, iniciou unha campaña de recollida de sinaturas para que se manteña a pena máxima de cadea nos casos máis graves. Malia o apoio masivo conseguido a través da plataforma Change.org, con máis de tres millóns de firmas, o goberno mantén a súa postura de derrogala. O debate político e social mantense aberto.