SANXENXO> Sanxenxo recupera os seus cabezudos polas festas patronais. Había anos que estas figuras non desfilaban pola rúa da localidade. A tradición na vila remóntase a comezos dos anos 80, cando un grupo de veciños decidiu importa-los cabezudos de Pontevedra, para ameniza-las festas.
Os cabezudos comezaron a danzar polas rúas de Sanxenxo nas festas do ano 82. Daquela, decidiron incorporalos para animar un chisco máis os festexos. Como por aquel entón, había moitas ansias, pero poucos cartos, o que decidiron foi pedirllos ó concello de Pontevedra.
O desembarco dos cabezudos gustou ós sanxenxinos ata acabar converténdose noutro reclamo máis das festas. Ata que a comezos dos 90 deixaron de saír á rúa. Agora, tanto tempo despois, o Concello fíxose cos cabezudos e restaurounos. E todo para recuperar para a vila un atractivo que xa forma parte do ADN da localidade.
Unha vez recuperados, aqueles que os implantaron na vila amósanse máis que encantados. Así que xa o saben se sobran as razóns para visitar Sanxenxo e gozar das súas festas agora temos que engadir outra máis: os desfiles dos cabezudos que animarán a localidade durante os vindeiros días.