Noia avanza na mellora do rural con obras na Barquiña e Agra dos Currais

NOIA> A Consellería de Medio Rural investirá cincuenta mil euros no acondicionamento de dous camiños en Noia. Estas actuacións súmanse ás acometidas durante as últimas semanas polo concello en varias vías dos arredores do casco urbano. Esta semana deron inicio as obras nos camiños de Agra dos Currais e A Barquiña. Esta actuación, subvencionada por Medio Rural, suporá o ensanchado da plataforma de circulación, así como limpeza e acondicionamento das marxes. Con estas obras, que contan cun prazo de execución de cento oitenta días, o concello avanza na mellora da seguridade viaria en varias zonas. É o caso de Ousoño ou O Couto, onde se vén de actuar recentemente. Tamén se acometeu a pavimentación e reposición de redes da rúa Travesía, na confluencia coa Avenida República Arxentina e noutras zonas do barrio de San Lázaro e de Labarta.