Un veciño de Cespón acha un artefacto incendiario na súa finca

BOIRO> Un veciño de Cespón, en Boiro, atopou un artefacto incendiario nunha finca da súa propiedade. Trátase dun aparello similar a un paracaídas, cun obxecto inflamable na base. O veciño atopábase traballando nunha finca da súa propiedade cando avistou un obxecto amarelo pousado sobre un tronco. Cando se achegou a recollelo comprobou sorprendido que se trataba dun artefacto incendiario, depositado na zona co fin de provocar un incendio. Dado que a leira contaba con maleza baixa, principalmente fieitos e toxos, non chegou a prender evitando que se produciran males maiores. Trátase dunha zona residencial, con gran número de vivendas, á beira da estrada comarcal co que a propagación das lapas podería ter importantes consecuencias. A presenza destes artefactos evidencia a acción de pirómanos que poden estar detrás de lumes como os rexistrados a pasada semana en Vixán,Ribeira, ou na parroquia rianxeira de Leiro. En ámbolos dous casos, as primeiras hipóteses apuntan a lumes intencionados, pola existencia de varios focos. Afortunadamente, a rápida intervención dos equipos de emerxencia e dos propios veciños evitaron que as lapas se propagasen sen chegar a afectar a ningunha vivenda.