Valga volverá a enfrontarse ao exército francés para homenaxear a Batalla Casal de Eirigo

VALGA> O concello de Valga recupera a celebración da recreación da batalla Casal do Eirigo. O día 28 de maio, a veciñanza da vila recrea o enfrontamento co exército francés para conmemorar aos valgueses que loitaron na batalla. Ademais da recreación a xornada completarase con música e espectáculos.

A veciñanza de Valga comeza a prepararse para enfrontarse de novo coas tropas francesas. É unha tradición da vila que repiten cada ano, e tras o parón obrigado pola pandemia, os valqueses volverán a recrear a batalla Casal do Eirigo na que venceron ao exército francés.

A recreación serve como homenaxe para todos os veciños que no 1809 se enfrontaron ao exército francés.

Os valgueses recrean a batalla vestidos da época, xa sexa coas roupas típicas dos seus antepasados ou co uniforme do exército francés. Para a veciñanza a celebración desta festa é un orgullo.

A xornada complétase con espectáculos como a actuación do Mago Teto, e as actuacións musicais de Xarandeira, a banda municipal de Valga e pecharase co grupo Astarot. Este final estará acompañado dunha queimada.

Dende Valga sinalan que coa mellora da situación sanitaria é momento de recuperar os seus festexos. Invitan á veciñanza de toda a contorna a que se acheguen a gozar da súa festa vestidos cos traxes típicos do século XIX.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí