O Museo de Pontevedra supera as 100 mil visitas antes de rematar agosto

Pontevedra> Aínda non rematado agosto o Museo de Pontevedra xa superou as 100.000 visitas. Os edificios do centro expositivo repiten así o éxito do ano pasado. O monumento máis visitado foi o das ruínas de Santo Domingo, e a exposición con máis asistentes, a de Alejandro de la Sota.

As ruínas de Santo Domingo, visitadas por preto de 60.000 persoas e a exposición do arquitecto pontevedrés Alejandro de la Sota, á que acudiron máis de 11.000 visitantes, contribuíron en grande medida ás boas cifras que presenta o Museo de Pontevedra a estas alturas do ano.

A segunda exposición en número de visitas foi “A beleza oculta”, traballo comisariado por escolares que recibiu a máis de 5.000 persoas. Tamén se achegou a esta cifra a exposición itinerante do Museo Tiflológico da Once, na que se podía experimentar vendo e tocando diferentes obxectos.

O mes de abril foi o que rexistrou unha maior afluencia de público, con máis de 7.000 visitas.

Actualmente pódense visitar as exposicións temporais “Copias de Cego”, do marinense José Solla, aberta ata o 23 de setembro, e as obras gañadoras e seleccionadas no certame “Novos Valores 2018”, que permanecerá no Sexto Edificio ata o 16 de setembro.