Un paseo por Cuntis polos recunchos do escritor Roberto Blanco Torres

CUNTIS> Cuntis acolle o vindeiro sábado un roteiro literario ó redor da figura de Roberto Blanco Torres. A andaina estará guiada por Marcos Seixo, un home que leva preto de 30 anos investigando e compilando a súa obra literaria.

A figura do escritor e xornalista nado en Cuntis, Roberto Blanco Torres, será o fío condutor do roteiro literario que o vindeiro sábado guiará o investigador e historiador Marcos Seixo. El leva preto de 30 anos estudando a súa figura e tamén o seu paso pola vila termal, de onde marchou cando tiña 15 anos. Con todo, e aínda que foi un home moi itinerante, seica sempre volveu a Cuntis para pasar longas tempadas. Tal é así, que a súa pegada é evidente en distintos recunchos da localidade.  Agora, a  actividade programada para esta fin de semana fará un percorrido por eses puntos da vila con maior significado para o autor, fusilado polo bando franquista no ano 37.

Esta ruta forma parte dun conxunto de sete andainas literarias organizadas pola Deputación de Pontevedra. O deputado de cultura aproveitou hoxe para reivindica-la figura dun home que, segundo explicou, viu truncado o seu interesante traballo .

Dende o Concello celebran a iniciativa e convidan a veciños e visitantes a que formen parte da ruta para coñecer un chisco mellor a figura do escritor e xornalista.

O roteiro é de balde, aínda que é preciso inscribirse previamente a través do correo electrónico roteiros.cultura@depo.gal.