A Deputación de Pontevedra impulsa a implantación de milleiros de luminarias LED en 43 concellos

PONTEVEDRA> 43 concellos da provincia de Pontevedra vanse beneficiar dun programa de eficiencia enerxética impulsado pola Deputación. Neses municipios poderanse substituír máis de 7.500 puntos de luz convencionais por uns de tecnoloxía LED. Tres dos catro millóns de euros do proxecto achégaos a Unión Europea.

Menos derroche de enerxía e de cartos e máis respecto ó medio ambiente. Ese é o espírito do proxecto de eficiencia enerxética no que participan 43 concellos da provincia de Pontevedra. Este programa vai permitir mudar máis de 7.500 puntos de luz por luminarias de tecnoloxía LED. Esta mellora suporá un aforro enerxético dun 62%.  Máis alá da redución da factura da luz, a presidenta da Deputación salienta o compromiso medio ambiental deste proxecto. Para Carmela Silva este debe ser un asunto prioritario.

Neste proxecto só se podían presentar os concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes. Conta cun orzamento de 4 millóns de euros, dos que 3 proveñen da Unión Europea. A presidenta do organismo provincial fala da necesidade de cumpri-lo Porgrama Operativo de Crecemento Sostible 2014-2020 da Dirección Xeral de Fondos Comunitarios  e buscar o cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da ONU.  Para iso, segundo Carmela Silva, a sinatura de hoxe dos convenios cos 43 concellos é só o comezo dun gran proxecto que permita que a provincia de Pontevedra sexa unha gran referencia a tódolos niveis en políticas medio ambientais.

Ademais deste proxecto de cambio de luminarias, entre os programas medioambientais que a Deputación porá en marcha de xeito inmediato, resaltan as achegas destinadas á substitución de caldeiras de combustible non renovable por caldeiras de biomasa  en varios concellos da provincia ou ou a renovación do alumeado público exterior en Bens de Interese Cultural.