Os consistorios de Vilagarcía e Pontecesures, pechados polo coronavirus

VILAGARCIA/PONTECESURES>  O Concello de Vilagarcía pechou hoxe as súas portas polo coronavirus. Varios traballadores municipais deron positivo nas probas serolóxicas ás que foron sometidos. Ante esta situación, o goberno local decidiu suspender a atención ao público, polo menos, ata o vindeiro luns. Nunha situación semellante atópase o consistorio de Pontecesures, que tamén permaneceu pechado nesta xornada.

Coas portas pechadas a cal e canto. Así estivo nesta xornada a Casa do Concello de Vilagarcía. O goberno local decidiu suspende-la atención ao público no consistorio ao detectar varios posibles casos de coronavirus.

Varios traballadores municipais deron positivo nas probas serolóxicas ás que foron sometidos nos últimos días. Agora, os afectados terán que realizar un test PCR para confirmar o descartar que, en efecto, son portadores do virus.

A previón do executivo local é que o consistorio permaneza pechado ata o vindeiro luns á espera de que os traballadores afectados se sometan a esas probas e se confirme ou non que teñen coronavirus.

En Pontecesures, entretanto, a casa do Concello tamén permanceu pechada nesta  xornada ante un posible positivo por coronavirus.

Trátase dun traballador municipal que está á espera de ser sometido á proba PCR para determinar se finalmente se confirma ou non que teña coronavirus.

Ante esta situación, o alcalde da localidade deciciu pecha-la atención presencial durante este venres. Unha media que se podería prolongar á semana que vén, en tanto non cheguen os resultados destas probas practicadas.

Este posible positivo apareceu logo de que o Concello lle fixese probas a todo o persoal municipal. Todos deron negativo a excepción deste traballador, que está á espera de saber se é postivio ou falso positivo.