Os Reis Magos beberon chocolate e falaron cos nenos en Meis

MEIS>  Xornada chea de ilusión tamén no concello de Meis, onde os Reis Magos fixeron parada para recolle-las últimas cartas dos nenos e tomar un vasiño de chocolate quente. Alí, as súas maxestades aproveitaron para presentarnos a algúns dos paxes que estes días lles están a botar unha man por toda Galicia…

Os Reis Magos tamén se deixaron ver hoxe por Meis. Alí puidémolos ver bebendo unha cunca de chocolate quente. E é que con tanto traballo que teñen por diante, as Súas Maxestades aproveitan para tomar forzas en todas e cada unha das súas paradas.

Moitos dos nenos tomaron nota e xa andaban a pensar cal vai se-lo menú que lle van ofrecer esta noite ás Súas Maxestades.Gaspar aproveitou para lembrarlle ós rapaces que na súa viaxe non viaxan sós, e que tamén lle teñen que poñer algo de comer e tamén de beber ós seus camelos.

Entre inchables, xogos e música, os nenos aproveitaron para falar con Reis Magos. Seica foron conversas moi divertidas, na que os tres de oriente se interesaron polos estudos dos cativos, polo seu comportamento e sobre todo, por saber que agasallo queren atopar mañá ó espertar. O que si teñen claro os nenos e nenas e que as súas maxestades teñen hoxe moito traballo por diante. O propio Baltasar no-lo confirmaba hoxe dende Meis, aproveitando para agradece-lo bo facer de todos os axudantes que, por estas datas, lles botan unha man.

E é que os paxes colaboran –e moito- nesta noite tan especial, contribuíndo a que os Reis Magos cheguen a tódalas casas. En Meis, un deses axudantes contounos cal era a súa misión de hoxe. E para os que teñan intención este ano de tentar atopa-los na casa, hai que recordar que os Reis Magos son moi silandeiros e que é practicamente imposible velos. Pero moito ollo, porque sempre deixan algunha pista. Con pegadas ou sen elas, unha cousa temos clara: esta noite toca deitarse cedo, para que a maxia do nadal chegue nos sorprenda unha vez máis.