O exfiscal xeral do Estado, Ábalos e Koldo incorpóranse ao elenco de figuras do Belén de Valga

VALGA> O caso do fiscal xeral do Estado, Ábalos e Koldo, a morte do Papa Francisco ou a vaga de lumes deste verán en Galicia, presentes no Belen de Valga. O Nacemento xa está aberto, dando o tiro de saída ao Nadal na nosa contorna. Este ano, ademais, trátase dunha edición moi especial, ao celebrar o seu trinta aniversario.

Valga abriu as portas ao Nadal coa posta en marcha do Belén Artesanal en Movemento, todo un acontecemento anual que esperta o interese de moitos veciños e cada vez máis persoas chegadas de todos os recunchos. Centos deles non quixeron perder a oportunidade de ser os primeiros en descubrir as novas figuras que lle dan forma a este nacemento, como sempre moi pendente da actualidade. Tanto que no Belén desde 2025 están presentes, entre outros o exfiscal xeral do estado, Ábalos e Koldo ou o finado Papa Francisco, xunto coa chegada de León XIV. Tamén outros dos grandes momentos vividos nos últimos 12 meses, como o gran apagamento do mes de abril ou a devastadora vaga de lumes que afectou Galicia este verán. Unha montaxe que nunca deixa a ninguén indiferente e que, ademais, neste 2025 está de celebración, con motivo dos seus 30 anos de vida.

Na apertura do Belén, o alcalde de Valga felicitou a todas as persoas que están ou estiveron detrás deste proxecto dende o ano 95.

Declarado de Interese Turístico de Galicia, o Belén Artesanal conta con arredor de 4.000 pezas dispostas nuns 400 metros cadrados. Todo un reclamo con capacidade para atraer visitantes de Galicia e mesmo de fóra das nosas fronteiras, tal como salientaron no acto dende a Deputación de Pontevedra e a Xunta.

Por aquí agárdase que pasen este Nadal unhas 40.000 persoas ata o 11 de xaneiro. Abre de luns a venres, de 17:30 a 20:30 horas; e os sábados, domingos e festivos de 12:00 a 14:00 e de 17:00 a 20.30 horas.