Fátima Abal declara como investigada por un presunto delito de revelación de segredos

CAMBADOS> Esta nova tan ansiada chegou a Cambados nun día que comezaba de xeito menos alegre para a súa alcaldesa. Fátima Abal prestou declaración hoxe nos xulgados da vila en calidade de investigada por un presunto delito de revelación de segredos.

Ás 9 da mañá a alcaldesa de Cambados acudía aos xulgados para atender á citación da xuíza. Fátima Abal compareceu en calidade de investigada por un presunto delito de revelación de segredos. Tras case dúas horas en dependencias xudiciais, a rexedora asegurou estar tranquila, e non quixo facer declaracións aos medios. Si falou cos xornalistas o avogado do denunciante, que explicou que a alcaldesa se acolleu ao seu dereito a só responder ás preguntas da súa letrada.

A causa deriva da denuncia dun policía local da vila. Tras unha crítica do Partido Popular sobre un concurso de mobilidade do corpo que estivera rodeado de polémica e que fora recorrido polo denunciante, Fátima Abal publicara en redes sociais que un traballador do concello estaba a ser investigado por varios xulgados da provincia. Aseguraba, tamén, que estaba embargado por varias entidades. A pesares de que non daba nomes, o policía local sentiuse aludido e levou a situación aos tribunais.

A maxistrada tamén chamou a declarar como testemuñas á secretaria e á interventora municipais.