O refuxio de animais de Vilagarcía, saturado

VILAGARCÍA> O refuxio de animais de Vilagarcía está saturado. Na protectora están atendendo nestes momentos 150 cans e 120 gatos, máis do dobre da súa capacidade. No colectivo agradecen a implicación do voluntariado e tamén a colaboración do Concello. Esta mañá, de feito, o alcalde e a presidenta do refuxio renovaron o seu convenio de colaboración, que implica unha axuda anual de 30.000 euros. Aínda que a contía se incrementou nos últimos anos, os seus responsables din que esa cantidade é insufieciente.

O refuxio Municipal de Animais de Pinar do Rei, en Vilagarcía, atópase nestes momentos moi por riba das súas capacidades. Teñen 150 cans, cando o máximo contemplato son 100; e 120 gatos, cando como moito deberían ter 50. A protectora, con todo, non se resigna. Agradecen ao voluntariado o gran esforzo que están a facer nestes momentos.

O colectivo tamén agradece a colaboración do Concello de Vilagarcía. De feito, esta mañá a súa presidenta e o alcalde da cidade renovaron o convenio de colaboración, que implica unha axuda anual de 30.000 euros.

O rexedor, pola súa banda, recoñece o traballo do equipo do refuxio. Salienta o incremento da contía que Ravella destina á protectora dende a súa chegada á alcaldía. Pon en valor tamén as melloras acometidas nestes últimos anos nas instalacións de Pinar do Rei.

E en vésperas do Nadal, aproveita Varela para facer un chamamento á responsabilidade das familias á hora de agasallar mascotas, porque son seres vivos e non xoguetes.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí