Altos cargos de Turespaña destacan as potencialidades de O Salnés

CAMBADOS> O Salnés estreita a súa relación con Turespaña. A Mancomunidade quere abrir novas liñas de colaboración, que faciliten a promoción da comarca a nivel nacional e internacional. Estes días recibiron a visita de dous altos cargos do organismo, que valoraron sobre o terreo os recursos turísticos do Salnés e o traballo que se está a facer para dalos a coñecer.

A frase inglesa “O pequeno é fermoso” cobra significado en O Salnés. Así o corroboran dende Turespaña. Dous altos cargos do organismo visitaron estes días a comarca para coñecer os seus recursos. Agora, marchan convencidos das súas potencialidades a nivel internacional.

Os gustos do turista son variados, pero a comarca reúne condicións para satisfacer a gran maioría. Clima e praias, cultura, gastronomía, deporte, paisaxe. Son algúns dos moitos encantos que O Salnés pode ofrecer ao visitante.

Na promoción se está a facer un bo traballo pero quedan cousas por facer. Ademais de aproveitar o respaldo que ofrecen as marcas España, Galicia e, sobre todo, o Camiño de Santiago, destacaron a importancia de vender o destino sobre o terreo.

Dende a Mancomunidade tamén expresaron o seu descontento co efecto negativo que teñen as informacións meteorolóxicas que de Galicia se ofrecen ao resto de España. Insistiron que nas Rías Baixas o clima é diferente, polo que estudan tomar medidas para evitar esta xeralización.