9 hostaleiros de Vilanova piden axuda ao concello e Durán atribúeo a unha manobra política

VILANOVA> Nove hoteis e hostais de Vilanova de Arousa únense para pedir ao concello axudas para paliar os efectos da crise do coronavirus. Reclaman ao goberno local que os exima do pago das taxas municipais, e pídenlle que contribúa a axilizar as axudas comprometidas dende a Xunta de Galicia. A solicitude non foi ben recibida polo alcalde. Gonzalo Durán asegura que se trata dunha manobra política, e cuestiona que estes establecementos precisen a excención dos impostos municipais.

Compensación das taxas municipais do 2020 e 2021 e axuda para axilizar as achegas aprobadas pola Xunta á hostalería. Esta é a reclamación que nove propietarios de hoteis de Vilanova levaron esta mañá ao concello para axudalos a paliar os efectos da crise da covid19.

Os empresarios aseguran que o ano pasado os seus ingresos caeron nun 70%. Non teñen mellores expectativas para este 2021. Por iso piden axilidade.

Estas reclamacións non foron ben recibidas polo alcade vilanovés. Segundo Gonzalo Durán, trátase dunha manobra política, apoiándose no pasado de Xoan Hermida como membro de En Marea.

Durán defendeu tamén que o concello está a actuar dentro das súas posibilidades, insistindo en que a prioridade para o seu goberno é axudar aos veciños que menos teñen.

Para os hoteleiros que asinaron o documento, esta é unha oportunidade para sentar as bases para crear un diálogo entre o sector e o concello. Pola contra, Durán defende que esta interlocución xa existe, e que ningún dos propietarios de hoteis que presentaron esta mañá as súas reclamacións intentou contactar con el antes.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí