Vilagarcía sae en defensa da súa proposta de transporte metropolitano

VILAGARCÍA> O goberno de Vilagarcía sae en defensa da súa proposta de transporte metropolitano. Cinco días despois de que o presidente da Mancomunidade do Salnés puxese en entredito as intencións de Ravella, hoxe o alcalde vilagarcián asegurou que o modelo que eles suxiren beneficiaría a toda a comarca e mesmo a concellos como Caldas e ós da zona sur do Barbanza. Segundo explicou, este modelo baseado no Plan de Transporte elaborado pola Xunta, xa se aplica noutras cinco áreas de Galicia.

Hoxe o alcalde de Vilagarcía saíu en defensa da creación dunha área de transporte metropolitano encabezada polo seu municipio. Di Alberto Varela que a súa proposta busca mellora-lo transporte en toda a comarca, non só en Vilagarcía

Segundo apuntan, a creación desta área beneficiaría a outras zonas, mesmo a Concellos como Caldas ou os do sur do Barbanza. A creación dunha área de transporte metropolitino parte do Plan de Transporte da Xunta. Salienta o rexedor que en Galicia xa hai cinco, en cidades como A Coruña, Ferrol ou Lugo, implicando a 68 concellos. Varela recoñece estar sorprendido que teña que se el, malia a súa cor política, o que teña que defender o modelo ideado pola Xunta.

Carga contra os populares do Salnés por querer sacar tallada política deste asunto. O rexedor tamén criticou a decisión do presidente da Mancomunidade de leva-la proposta vilagarciá ó Pleno do organismo comarcal. Di que é algo precipitado e que, en tal caso, o xusto sería levar a votación a outra proposta, a que defende Gonzalo Durán, que pasaría pola xestión directa do servizo a través dunha UTE.