Cambados prepara unha actividade semanal polo 25N

CAMBADOS> Cambados tamén prepara un programa de actividades para conmemorar o Día Internacional pola Eliminación da violencia contra a muller. A proposta cambadesa presenta unha acción semanal dirixida a formar e informar sobre esta lacra, e inclúe os centros educativos e os clubs deportivos do concello.

Cambados vólcase na conmemoración do 25 de novembro. A vila presentou un programa con actividades semanais, dirixidas a formar e informar sobre a lacra da violencia machista.

O programa desenvolverase en colaboración con CIM. Ademais de realizar actividades formativas nos centros educativos, o vindeiro 23 será a lectura do manifesto ao mediodía na praza do concello. Xa pola tarde, celebrarase o coloquio Mulleres Diversas en Exposalnés.

Xa en decembro, o día 4 celebrarase unha charla para a resolución dos conflitos na parella, o 13 a xornada “Aprender a dicir non”, e o 20 un curso de técnicas para aprender a falar en público.

A vila súmase á campaña da Xunta de Galicia “Cambados en Negro”. Nesta acción repartirán camisetas e cartaces entre os locais comerciais da vila, e sortearán camisetas co logo da campaña no desfile que Zona Centro fará o 25N. Este mesmo día, o concello buscará a complicidade dos clubes deportivos da vila cun acto simbólico no Pavillón do Pombal.