A bandeira azul da Panadeira consolida a Sanxenxo como líder en España

SANXENXO> Dezaoito bandeiras azuis ondearán este verán nas praias do Salnés. A Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor entrega este distintivo a 107 areais galegos, nun ranking que encabeza un ano máis o concello de Sanxenxo con catorce. Na comarca do Barbanza, Boiro sitúase como o terceiro municipio galego con máis bandeiras azuis.

Este verán, Sanxenxo volverá liderar o ranking de bandeiras azuis de Galicia. Ata catorce areais do concello contarán con este distintivo, que entrega a Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor para recoñecer a calidade das súas augas e dos seus servizos. Destaca a recuperación deste marchamo para a praia da Panadeira, que quedara fóra na convocatoria do ano pasado, e se suma a outras como Areas, Caneliñas, A Lanzada, Baltar ou Silgar.

Da ría de Arousa, o mellor balance chega dende o Barbanza. Boiro  é o único concello da comarca que locerá este distintivo en sete dos seus areais, situándose como o terceiro municipio galego con máis bandeiras, por detrás de Sanxenxo e de Vigo.

Na comarca do Salnés, tamén se poderán ver nas praias vilagarciás do Preguntoiro e Campanario, e en Area de Secada e Bao, na Illa de Arousa. Un ano máis, O Grove decidiu non optar a este distintivo.

Con 107, Galicia repite como a segunda autonomía con máis bandeiras azuis de toda España, só superada pola Comunidade Valenciá, que contará con 135.