RIBEIRA> O Barbanza sumouse ás mobilizacións convocadas en toda Galicia para denunciar a situación das listas de agarda. Ducias de persoas concentrábanse este mediodía ás portas do hospital comarcal onde as esperas para segundas citas poden chegar a demorarse máis dun ano nalgunhas especialidades.
O Barbanza volveuse facer oír sumándose ás concentracións convocadas por SOS Sanidade Pública en toda Galicia demandando transparencia nas xestións das listas de espera. Dende a plataforma barbanzá insisten na necesidade de computar tódalas citas, tanto as primeiras como as revisións para obter unha imaxe aproximada da situación real de certas especialidades nas que as demoras achéganse mesmo a dous anos para unha segunda consulta co especialista.
Precisamente a situación das listas de agarda foi un dos motivos principais do peche desenvolvido hai algo máis dun mes no hospital do Barbanza que concluíu cunha reunión coa xerencia na que se comprometeron diversas medidas para alixeirar algunhas especialidades.
Aínda así, dende a plataforma darán unha marxe de seis meses, tal e como acordaron na reunión, para avaliar o impacto destas medidas.











