As ARI do Barbanza recibirán máis de douscentos mil euros

BARBANZA> A Consellería de Medio Ambiente destinará máis de douscentos mil euros ás Áreas de Rehabilitación Integral de Rianxo, Muros e Noia. A xunta asinará un convenio con cada concello, para que a administración municipal proceda á convocatoria das axudas, que deberán solicitar os propietarios das vivendas a rehabilitar. O concello de Muros disporá de máis de cen mil euros, o de Noia de preto de sesenta mil e o de Rianxo roldará os cincuenta mil. Os criterios para o reparto de fondos responden á capacidade de execución demostrada polos concellos nos últimos anos. Deste xeito, a Xunta premia ós concellos máis eficientes na xestión posto que as contías achegadas polo Ministerio de Fomento que non se executen terán que ser devoltas. Trala asignación de fondos, o Instituto Galego de Vivenda e Solo asinará un convenio con cada concello para proceder á convocatoria das axudas. Poderán optar a elas os propietarios de edificios ou vivendas, así como comunidades e entres asociativos de xestión. Tamén os propios concellos que poderán beneficiarse das subvencións para as actuación de urbanización no ámbito das ARI. A achega máxima ascende ata un corenta por cento do custe subvencionable. Este límite increméntase ata o setenta o cinco por cento cando os ingresos da unidade familiar sexan tres veces inferiores ó IPREM, se acometan actuacións para mellorar a accesibilidade ou se acredite a existencia de persoas con discapacidade ou maiores de sesenta e cinco anos.