PONTEVEDRA> Pontevedra ábrese ao emprendemento. A cidade acolle esta fin de semana a quinta edición do Pont Up Store, un evento que busca impulsar aos empresarios máis novos ofrecéndolle un inmellorable escaparate. O espazo expositivo da praza de España combínase, ademáis, cun amplo programa de actividades.
As empresas máis novas serán as protagonistas da fin de semana en Pontevedra. A Praza de España repite como escenario do Pont Up Store, unha feira na que o que manda é o emprendemento.
Calquera idea ten espazo en Pont Up Store. Nesta quinta edición os organizadores da Universidade de Vigo tiveron máis proxectos entre os que escoller. Algo importante é que as empresas ofrezan innovación nos seus sectores. Ben sexan os máis tradicionais, ata outras ideas que parecen chegadas do futuro. Porque si, a comida tamén pode imprimirse.
Tamén o sector do gaming ten un especial peso nesta quinta edición do Pont Up Store. Un mundo cun gran potencial para a creación de postos de traballo e cun amplo abano de opcións para dar forma a novas empresas.
De xeito paralelo ao espazo da Praza de España, ofreceranse máis de 40 actividades que tratarán sobre a tecnoloxía e, especialmente, do papel feminino neste mundo.










