Pontevedra suma unha zona verde de máis de 17.000 metros cadrados na Xunqueira

PONTEVEDRA> Os pontevedreses gozan xa dunha nova zona verde de máis de 17.000 metros cadrados. Xa está aberto ao público o parque no que se ten convertido o terreo que antes ocupaban a Imprenta Provincial e o Parque de Maquinaria. Agora o concello xa pensa en aumentar esta área e avanza nas negociacións coa Xunta e o Goberno do Estado para seguir liberando as parcelas ocupadas nesta zona.

Lonxe quedou a imaxe dos edificios da Imprenta Provincial e do Parque de Maquinaria case tapando o acceso á Xunqueira de Alba. O terreo converteuse nunha nova zona verde de máis de 17.000 metros cadrados.

Árbores autóctonas, unha senda peonil, alumeado público e mobiliario urbano dan forma a este parque. O proxecto requiriu un investimento total de máis de 4 millóns de euros.

Con este espazo recentemente estreado, o concello de Pontevedra avanza nas xestións para conseguir liberar as parcelas que continúan ocupando na Xunqueira a Xunta de Galicia e eo Goberno do Estado.

Segundo os cálculos de Mosquera, de completarse a marcha das infraestruturas que se manteñen na Xunqueira quedaría liberada unha parcela duns 500.000 metros cadrados.