O BNG de Ribeira pregunta sobre o futuro do centro social de Carreira

RIBEIRA> O BNG de Ribeira denuncia o abandono en que se atopa o Centro Social de Carreira. O inmoble, inacabado dende hai anos, é obxecto de frecuentes actos vandálicos. O proxecto do centro social de Carreira foi acometido por tres escolas taller que sucesivamente executaron as obras principais do inmoble. Sen embargo, co cambio de rumbo dos obradoiros de emprego de Ribeira que dende hai varios anos se realizan en colaboración con Porto do Son a obra non chegou a rematarse. Xa en 2015, o BNG denunciou a paralización desta obra polo que se aprobou unha partida de máis de douscentos mil euros para finalizar o inmoble. Por esta razón, O BNG volverá levar a pleno unha batería de preguntas sobre o destino destes fondos e o futuro do inmoble que se deteriora a cada paso. Denuncian os nacionalistas que non é un caso único posto que os proxectos de centro social noutras parroquias tampouco chegaron a bo porto. Tal é o caso de Corrubedo ou de Castiñeiras.