A Illa consolida o seu proxecto de exportación de algas e busca expandirse a Asia

A ILLA DE AROUSA> As algas son un recurso consolidado para a frota da Illa de Arousa. O incremento na demanda destes produtos, xunto co empeño da Confraría por impulsa-lo proxecto, converteron nesta actividade nalgo máis que un complemento para os mariñeiros. A día de hoxe son xa doce os barcos que recollen algas, cun volume de vendas que rolda as 260 toneladas.

Comezaron no 2011 e dende aquela o proxecto foi medrando ano tras ano.  A extracción de algas converteuse para moitos mariñeiros da Illa de Arousa nunha fonte de ingresos fundamental. A día de hoxe son doce os barcos da navalla e o longueirón que tamén se dedican a recolle-las coñecidas como ‘herbas do mar’. O volume de produción, dende os inicios do proxecto, foi medrando de xeito exponencial, ata roldar agora as 260 toneladas ó ano.

Os mariñeiros da illa recollen ata seis variedades distintas de alga, entre elas, as populares leituga de mar e wakame. O seu destino final é o sector da restauración. O proceso de venda é directo, do pósito ás empresas.

Un traballo que se diversifica, abrindo paso tamén a novos mercados. As algas recollidas ao redor da Illa de Arousa son vendidas con certificado de produto ecolóxico. Os Países Baixos, Francia ou Alemañá son algúns dos principais compradores deste produto arousá, aínda que as fronteiras, polo que nos explican dende o pósito, seguen a expandirse.

O desembarco en Asía, polo de agora, semella máis doado que no mercado local. A pesar de convivir con elas acotío, na Illa e no resto da nosa contorna aínda non hai costume de introduci-las algas nos nosos pratos. Seica, no fondo, simplemente é cuestión de probar.

Máis de vinte persoas traballan xa na recolección das algas na Illa de Arousa. Para apañalas hai que mollarse, porque son extraídas por mergulladores, cortadas con moito coidado cun fouciño. A clave seica é deixa-la raíz na pedra, para que o impacto nos fondos sexa menor e para que a planta volva rebrotar para a vindeira xeira.