As alcaldías de Cambados e Meaño seguen no aire a escasas horas dos plenos de investidura

O SALNÉS/CALDAS> Mañá é o día. Este sábado constitúense as corporacións locais e elíxense os alcaldes e alcaldesas. Imos facer agora un repaso polos distintos concellos da nosa contorna. Arrancamos nas comarcas do Salnés e Caldas. A esta hora, mantense a incógnita sobre quen se fará co bastón de mando en dous concellos: Cambados e Meaño.

Se hai catro anos Fátima Abal foi elixida alcaldesa de Cambados por sorpresa, a súa posible segunda investidura non vai ser menos emocionante. A socialista só ten garantido o apoio do BNG. As discrepancias nas negociacións entre os socialistas e Somos Cambados poderían acabar entregándolle a alcaldía ó popular Luis Aragunde.

En Meaño o bastón de mando pode acabar en mans do popular Carlos Vieitez ou do independente José Manuel Aspérez. Todo dependerá do que voten mañá os dous representantes do PSdeG. Os socialistas piden a cabeza de Aspérez para apoiar a Meaño Independente.

En Catoira, mentres, o histórico feudo socialista pode pasar agora a mans do BNG. Todo apunta a que Xan Castaño será alcalde grazas ó apoio dos 3 concelleiros do Partido Popular. En Meis, entre tanto, será o único edil do BNG o que faga alcaldesa á sociliasta Marta Giráldez. A suma dos seus votos permite desbancar do poder ó veterano popular José Luís Pérez Estévez, tras 20 anos na alcaldía.

En Pontecesures, todo apunta a que se vai reedita-lo tripartito entre PP, Terra Galega e Independentes, xurdido trala moción de censura de 2016. No resto da comarca caldense, as cousas están máis claras. En Caldas, de entrada, Juan Manuel Rey seguirá á fronte do executivo local. O BNG descartou entrar no goberno e mesmo di que aínda non ten claro que votarán mañá. O feito de que o Bloque manteña aberta a opción de votar por sí meismos creou rumores en canto a un posible apoio do PP. Unha conxetura que os populares tampouco desmentiron ó non aclarar aínda a súa postura.

En Sanxenxo, Vilanova, Caldas, Moraña, Valga e Portas os plenos serán de trámite, ó ter maioría absoluta o PP. O mesmo ocorre na Illa, O Grove, Vilagarcía e Cuntis, onde o PSdeG goza tamén de maioría. Ese mesmo escenario repítese en Ribadumia, coa maioría dos Independentes, e en Barro, coa do BNG.