Miles de persoas gozaron co regreso dunha festa da auga no seu formato tradicional

VILAGARCIA> Vilagarcía volveu a mollarse coa festa de Auga. Nun formato tradicional sen bombeiros nin mangueiras, miles de persoas acudiron á vila para gozar do regreso da festa. O pregón correu a cargo de Sara Gómez, xogadora do Cortagada de baloncesto.

Había moitas ganas de festa en Vilagarcía tras dous anos sen poder celebrar a festa da Auga. Tantas que nin a choivas nin as restricións evitaron que miles de persoas se mollaran nas rúas da vila. Tras unha noite de moita festa con Djs, discotecas móbiles e barras por diferentes puntos da vila, os vilagarciáns viviron o seu momento máis esperado, a saída de San Roque acompañado de novo pola veciñanza e visitantes. Centos de persoas acudiron ao traslado do Santo dende a igrexa de Santa Eulalia ata a capela de San Roque, lugar onde tivo lugar o pregón. Este ano correu a cargo da xogadora de baloncesto local Sara Gómez. A capitana do Cortaga mostrou a súa ledicia de ser a encargada de abrir a festa da auga tras a pandemia.

No seu discurso, Sara Gómez tamén reivindicou o apoio ao deporte feminino e o fixo lanzando pelotas de plástico ao público animando aos presentes. Unha vez rematado o pregón, a capitana do Cortegada encargouse de lanzar o primeiro cubo de auga e dar así comezo á festa da auga. Unha festa que este ano non contou con bombeiros nin con mangueiras pero iso non freou aos vilagarciáns. Con auga dende os balcóns, xa sexa con cubos, vasos, pistolas de auga ou mesmo coa mangueira da ducha, a veciñanza de Vilagarcía encargouse de mollar aos presentes, da mesma forma da que se iniciou a festa hai case 40 anos. Nas rúas tampouco faltaron os caldeiros e as pistolas da auga, ademais de moito goce, disfraces e orixinalidade, xa que cada un goza da festa da auga como quere. Tralo pregón, a festa volveu aos bares, onde se deron cita os madrugadores con aqueles que alongaron a celebración dende a noite anterior. A auga continuo sendo a protagonista acompañada con música, bebida, comida e sobre todo moito goce. Neste momento tamén regresou un clásico da festa da auga, o Fredy Mercury de Vilagarcía, que percorreu as diferentes barras da vila para animar aos presentes ao ritmo das cancións de queen.

Para aqueles que que aínda non tiñan ganas de marchar para a casa, a festa continuou en Vilagarcía ata xa avanzada a tarde.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí