RIBEIRA> O Xulgado dá por rematada a investigación polo intento de secuestro coa presentación do auto de conclusións que xa lle foi remitido ás partes. A titular do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución Número 2 de Ribeira atribúe ‘O Chicle’, autor confeso do crime de Diana Quer, o intento de secuestro e agresión sexual a unha moza de Boiro acontecido a finais de decembro de 2017. Os feitos desencadearon o arresto e a posterior aparición do corpo de Diana Quer nunha nave da parroquia rianxeira de Asados. No auto, co que a xuíza dá por rematada a investigación, sinálase que José Enrique Abuín é sospeitoso dun delito de agresión sexual en concurso con outro delito de detención ilegal, ámbolos dous en grao de tentativa. Segundo informaron fontes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, a titular do Número 2 de Ribeira reafírmase, despois da análise de tódalas probas presentadas, que ‘O Chicle’ actuou ese día cun fin que vai máis alá do simple roubo, cunha clara vontade de detención ilegal coma instrumento dunha posterior agresión sexual. No auto a xuíza sinala que tanto a vítima, como tamén os dous mozos que a socorreron ese día do intento de rapto, recoñeceron, sen ningún tipo de dúbidas, a José Enrique Abuín, e ratificaron tamén a presenza no lugar dos feitos do seu vehículo, un Alfa Romeo de cor gris. Tamén foron de gran axuda a gravación realizada por accidente pola propia vítima no seu móbil así como as imaxes dunha cámara de seguridade próxima ó lugar, tal e como indicou a propia Garda Civil. O xulgado ribeirense xa remitiu o auto ás partes, que disporán agora dun prazo de dez días para formular escrito de acusación e solicitar a apertura de xuízo oral ou o sobresemento da causa.