‘Quen impide que O Ramal se libere é o alcalde que non fai ben os deberes’

VILAGARCÍA> Autoridade Portuaria e concello de Vilagarcía afondan máis, se cabe, nos seus desencontros. O Porto asegura que a apertura do peirao de O Ramal para uso dos vilagarciáns depende das xestións do concello. Segundo a presidenta, son necesarias dúas modificacións puntuais dos plans urbanísticos que dependen do goberno local. Unha delas, a que permita o traslado das naves de O Ramal a outras zonas do porto.

Con esta contundencia expresouse esta mañá en rolda de prensa a presidenta da Autoridade Portuaria de Vilagarcía. Sagrario Franco anunciou que hoxe enviaron unha nova carta ao concello para insistir en que axilicen os trámites necesarios.

Esta primeira modificación permitiría a construción de novas naves en 75 mil metros cadrados repartidos entre Ferrazo e o peirao comercial. Superficie suficiente para acoller os operadores que agora mesmo almacenan preto de 20 mil toneladas de mercadoría en O Ramal.

Franco tamén manifestou a disposición da Autoridade Portuaria a ceder unha nave dentro do Porto para acoller o ensino dos deportes náuticos. A primeira petición chegou dos propios clubes. Tras recibir un escrito neste senso do concello, a presidenta explicou que o goberno local deberá presentar un proxecto. En base ao documento, o Porto promoverá unha revisión do seu Plan Especial para modificar a súa catalogación urbanística.