Rouban nun bar de Vilagarcía 300 euros… e un par de botellíns de cervexa

VILAGARCÍA> Pouco máis de 300 euros. Ese é o botín que uns ladróns levaron dun céntrico bar de Vilagarcía. Os cacos entraron por unha pequena fiestra da fachada, o mesmo método que o empregado hai un ano, cando tamén entraran no local. Esta coincidencia leva ós seus responsables a pensar que se trata da mesma persoa. Ademais de facerse cartos, o ladrón tamén aproveitou para facerse cun par de cervexas.

Por esta pequena fiestra, situada na parte de arriba da cristaleira da fachada accedeu o ladrón ao interior deste bar. O establecemento está situado na rúa Castelao de Vilagarcía.

Belén era a encargada de abrir onte a cafetería na quenda da mañá. Ela foi a que deu a voz de alarma á dona do local. Por sorte, a recadación do día anterior xa non estaba na rexistradora. O ladrón levou tan só 300 euros, do fondo da caixa. Ademais, o caco aproveitou para refresca-la gorxa: fixo parada nestas neveiras e colleu un par de botellíns de cervexa.

O caso é que este roubo ten certo aire de déjà vu: hai cousa dun ano, no local tiveron lugar uns feitos semellantes. Coincide o lugar de acceso ó local, esta fiestra á que dende aquela lle instalaron estes barrotes. Mesmo daquela tamén fixeran parada nas neveiras para coller algo de beber.

Os traballadores do local cren que con dous roubos xa abonda. Valoran tomar medidas de seguridade adicionais e contan con que sustos como este non se volvan repetir.

A Policía está agora encargada de investiga-los feitos. Unha das probas que se están a analizar é unha especie de gasa que se lle caeu ó ladrón e que, polo de agora, se descoñece a súa función.