CAMBADOS> Dez viticultores e viticulturas de Cambados serán os protagonistas da segunda edición da Festa da Vendima. Tralo éxito da edición do ano pasado, o concello repite esta iniciativa o vindeiro 13 de outubro que naceu ao abeiro da Cidade Europea do Viño. A cita homenaxea aos que levan toda a vida dedicados ao cultivo da vide.
A Festa da Vendima é outra das actividades nadas ao abeiro da Cidade Europea do Viño que Cambados repite este ano. O éxito da primeira edición animou ao concello a apostar por esta cita.
Os protagonistas da homenaxe serán cinco homes e cinco mulleres viticultores das cinco parroquias cambadesas. O sábado 13 no Auditorio da Xuventude eles serán os protagonistas.
O evento arrincará ás 8 e media da tarde. A homenaxe aos viticultores servirá como peche do acto. Antes, intercalaranse actuacións de Manso e Amigos, do grupo Teatro no Garaxe e do monologuista Sergio Pazos. Estará conducida pola presentadora Yolanda Vázquez.
Tamén haberá referencias á primeira Festa do Albariño de Cuxhaven. De feito, o concello entregará cadansúas placas ás adegas gañadoras desta primeira edición. A Mancomunidade do Salnés, pola súa banda, farálles entrega duns diplomas.











