Meis reactiva o seu roupeiro solidario para axudar aos máis necesitados durante o verán

MEIS> O concello de Meis reactiva o seu roupeiro solidario de cara a tempada de primavera verán. As persoas interesadas en recibir a roupa poñeranse en contacto directo coa concelleira de servizos sociais para velar polo anonimato dos demandantes. A casa do escudeiro acolle un roupeiro con prendas para persoas de todas as idades.

O roupeiro solidario naceu no concello de Meis para apoiar as familias máis necesitadas durante o inverno. Coas melloras das temperaturas, o concello reactiva esta iniciativa para que as familias máis vulnerables poidan renovar as súas prendas de cara a tempada de verán.

Na tempada de inverno máis de 16 familias solicitaron a axuda do roupeiro municipal. Na actualidade o concello xa está rexistrando as familias que o precisen con total confidencialidade.

No roupeiro solidario situado na Casa Escudeiro ofrécese roupa para todas as persoas de calquera idade, incluídas aquelas familias que necesiten prendas para bebés. O que se busca é axudar ás persoas máis necesitadas e que máis sufriron os efectos da pandemia.

Dende o concello agradecen a solidariedade de todas as persoas, empresas e administracións de diferentes puntos da comarca que aportaron o seu gran de area co roupeiro solidario de Meis.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí