Alberto Varela acusa á Xunta de tomarlles o pelo coas estradas de Bamio

VILAGARCÍA> O alcalde de Vilagarcía acusa á Xunta de tomarlles o pelo durante os catro anos de mandato e considéraa a peor inimiga da vila. Alberto Varela carga contra a administración autonómica trala solicitude desta para que o Concello asuma a xestión da estrada de Bamio. O rexedor socialista pide ós populares locais que antes de defender a Vilagarcía en Madrid o fagan en Santiago.

A Axencia Galega de Infraestruturas solicitou onte, na Comisión do Parlamento de Galicia, que a estrada P0-192, que transcorre por Bamio, sexa xestionada polo Concello de Vilagarcía. O alcalde da vila móstrase molesto con esta decisión e acusa á Xunta de tomarlles o pelo.

O alcalde asegurou que só tiveron unha reunión ca Consellería de Infraestruturas e que o resto foron ca Axencia Galega de Infraestruturas. Nestas reunións, segundo Varela, a Axencia foi cambiando de opinión: dende que tiñan o proxecto elaborado para asumir a xestión autonómica ata a solicitude que fixeron onte. O rexedor ve nesta decisión motivos políticos.

O socialista acusa á Xunta de menosprezalos durante estes catros anos, e non só pola estrada  de Bamio, se non tamén pola localización do centro de saúde, pola ambulancia medicalizada e polo plan de transporte. Varela pediu ós populares que defendan a Vilagarcía.

Varela asegurou que non vai consentir que as melloras na estrada saian das arcas municipais.

O alcalde tamén mostrou o seu malestar pola resposta da Xunta as súas alegacións polo plan de transporte.  A administración autonómica comunicoulle ó concello que ou asume a xestión do plan ou o fan en colaboración.