As beirarrúas de Raxó, a loita coa que Azucena homenaxea á súa finada nai

POIO> Ana faleceu, hai agora catro anos, nun grave atropelo nunha zona sen beirarrúas de Raxó, en Poio. Dende aquela, a súa filla leva loitando para a mellora da seguridade nesa estrada, de titularidade autonómica. A súa loita chega agora ó seu fin, co anuncio da construción de sendas peonís. Hoxe, emocionada, lembraba todo o camiño que tivo que percorrer para que a administración escoitase as súas peticións.

Chámase Azucena e dende hai catro anos loita para que esta estrada, a PO-308, en Poio, teña beirarrúas. Ela perdeu á súa nai, aquí, nun accidente ocorrido no ano 2014.

Agora, co anuncio da construción de sendas peonís, respira aliviada. Cre que a súa teima pola mellora da seguridade na zona por fin vai da-los seus froitos. Con todo, e coa súa nai no recordo, explica que esta actuación –para ela- chega xa demasiado tarde.

Antes da súa morte, Ana, a nai de Azucena, tamén loitou durante anos pola mellora da seguridade viaria desta zona porque, segundo nos explica, os accidentes e contratempos son máis que frecuentes.

Agora, dise satisfeita, e apunta que non sabe se despois deste logro continuará reivindicando outras causas.

Hoxe, a súa filla, amosábanos unha carta escrita á súa nai na que lle resume toda a súa loita. Nese texto aproveita para agradecer todo o apoio veciñal recibido nestes anos, que colaboraron con ela na súa particular reivindicación.